Semana crítica na que o maratón da VigBay 2019 xa está a un mes vista. Aínda queda ata o domingo 7 de abril, pero o adestramento xa se comeza a ver doutro xeito. Por unha banda, continúo a non estar satisfeito co volume de km realizado neste adestramento. Acontece o que se ve na viñeta do día 23: aínda temos días de temporal nos que se fai costa arriba baixar a correr (e outras, é prácticamente imposible). Non queda máis remedio que calzarse as zapatillas e sumar quilómetros nestas circunstancias. Seguro que algún runner que lea isto pensará que son un choromicas (e non o nego), pero aínda non apareceu a motivación xusta que tiven noutras ocasións para prepara unha proba así…

…ata que chegou o día 24. Segundo o meu plan de adestramento, realmente tocaríame facer a tirada máis larga a semana seguinte. Por problemas de axenda e dispoñibilidade, tiven que adiantar a tirada de 30 km para esta semana. E alá fun: entre A Baña e Negreira, dando unha volta nun percorrido de 15 km de costas infernais e cos coches da estrada nacional. Cando vin que facer unha segunda volta para sumar os trinta quilómetros ía ser imposible, decidín cambiar o traxecto e dar voltas no único traxecto máis ou menos plano preto da miña casa (un tramo de dous kilómetros, que aínda así, ten certo desnivel). E cando despois de dúas horas e media completei os 30 km e a única dor que tiña era na rozadura dos pezóns, xa cambiou a miña aura. Aínda tiña folgos, e sei que o día do maratón ó mellor non teño o estado de gracia daquel día, pero xa comprobei que se non hai incidentes, chegarei ó km 30 polo meu propio pé (e agardo que ata o 42 km). As vindeiras semanas meditarei se o globo das 3h 30min pode ser o meu, pero polo de agora xa hai certa plenitude porque o traballo está tendo resultados. Ánimos a todos!