A semana máis redonda do que levo de adestramento! Despois de facer «os deberes» dunha tirada de 30 km do tirón, a posta a punto foi ben e a semana do luns comezou cunha sesión de 12 km con moi boas sensacións. Despois tocou facer as costas do parque de Santa Margarita no seu percorrido de case un quilómetro, unha sesión de 25 km polo paseo marítimo á carón de Fito e para pechar a semana motivado, participar nunha carreira popular.

A I edición da carreira solidaria Revirando na Guarda serviu para concienciar e visibilizar ás persoas con discapacidade, e moita xente da localidade participou tanto na modalidade de andaina como de carreira de 1,5 km ou 4 km. Ó ser unha proba non competitiva, non houbo nin sistema de cronometraxe nin premios. Unha iniciativa moi necesaria impulsada por distintos centros da zona e a coa grandísima organización da miña colega Patru. Un bo remate da semana agora que sigue en marcha a conta atrás!