Un problema habitual á hora de preparar un maratón acontece cando tes que sacar tempo de onde non existe. Hai moitas nais, pais, currantes…; que non teñen minutos para saír a rodar aínda que sexa media hora. E flípame cando con todo isto, logran sacar un intre das súas vidas para saír correr.

No meu caso, a miña cuarta semana coincidiu cunha viaxe programada de hai tempo (e moi agardada): o Festival Internacional de Cómic de Angoulême, o evento europeo máis grande do noveno arte.  Non estou habituado a correr durante unha viaxe de lecer, pero nesta ocasión logrei meter o atuendo de “superheroe” e as zapatillas como puiden dentro das diabólicas limitacións de equipaxe de man de Ryanair. E alí caeron 10 km e pico, unha experiencia moi estimulante ó correr por un sitio que non coñeces e por unha ruta que probablemente non repetirei por circunstancias da vida. Unha amiga sempre me dicía que saía correr durante as súas viaxes e a min non me remataba de convencer o argumento, pero a verdade que estivo moi interesante (irei xa sendo maior? Non respondades, por favor).