VIGtacora 21
VIGtacora 22

Unha semana con tanta carga de km como de política! O luns tocou facer unha tirada rutinaria cun par de quilómetros de máis, nunha Coruña ateigada por uns carteis que semellaban de campaña política. E así foi: aínda que houbo dúbidas sobre a autoría, ó final eran do partido político da oposición local en Coruña, con moita présa por comezar a promocionarse cando aínda quedan meses por diante (e ata unhas eleccións xerais no medio). O mércores tocou un rodeo habitual de 10km no parque de Vioño, un circuito máis práctico que estimulante por quedar preto da casa.

E o sábado pola mañá tocou o que ata o momento foi a sesión máis esixente quitando a media maratón de Coruña: 25km polo paseo marítimo, moi ben acompañado con Fito, outro runner que vai desafiar ós temibles km que nos agardan entre Vigo e Baiona. Foi unha boa sesión en canto a ritmo e distancia, mais haberá que ver a evolución nas vindeiras semanas para coñecer exactamente cal será o obxectivo máis realista para non sufrir moito o domingo do maratón. O clima acompañou bastante, pero as que non o fixeron foron as fontes do paseo: no tramo que pasa de fronte á Escola Pablo Picasso, hai dúas consecutivas que non funcionan… Se alguén con contactos no concello le isto, xa sabe o que toca!!