Despois de botar a correr este blog a comezos de ano e ter sete publicacións previas, creo que chegou o momento de inaugurar oficialmente este blog. Éche así.

A fume de carozo nace coa única pretensión de relatar as peripecias dos tolos que nos botamos a correr. En galego e con humor galego. Éche así.

A vida ten cousas tan reviradas como que cando máis tiña que adestrar no ritmo de publicación destas viñetas e na preparación dunha importante carreira, que escachei o pe nunha cama elástica a finais de xaneiro. E facer chistes sobre correr sen poder correr (e querendo facelo), é unha brincadeira de carallo. Éche así.

Por sorte, a miña lesión non foi tan grave e “daquela maneira” probarei a facer o imposible para superar a importante cita desta fin de semana… E a retomar o ritmo con este blog. Veremos o que acontecerá cando chegue a domingo!

Ferro a fondo, fe en Dios, a fume de carozo e LUME!